Josiño Administrador

Registrado: 10 Oct 2006 Mensajes: 267 Ubicación: GOLFO ARTABRO
  
|
Publicado: Lun Abr 30, 2007 10:21 am Título del mensaje: DEFENSA DO TERRITORIO |
|
|
CORTO E PEGO:
A práctica totalidade das organizacións ecoloxistas galegas reunidas nunha asemblea que se celebrou en Santiago o pasado día 31 de marzo, acordamos, por unanimidade, convocar unha manifestación para o día 6 de maio en Compostela.
Máis de 50 colectivos de toda Galiza coincidimos na necesidade de celebrar este acto reivindicativo e de denuncia.
Denunciamos o grave estado de deterioro e de crecente degradación en que se atopa todo o territorio galego, un acelerado proceso de expolio e destrucción que afecta tanto á costa como ao interior.
Reivindicamos as medidas necesarias para frenar este desastre:
O cumprimento da lexislación vixente
Unha nova Lei de Ordenación do Territorio
Promover unha Estratexia de xestión integrada do litoral
Protección efectiva e ampliación da aplicación das figuras de protección ambiental
Transparencia e participación da cidadanía nas decisións que afectan ao territorio
É dicir: A implantación dunha nova cultura do territorio
Manifesto das organizacións convocantes
A situación do territorio galego é catastrófica. Por unha banda, o factor agrícola e gandeiro desaparece literalmente da superficie do País e, pola outra, un urbanismo disparatado, unha forestación masiva e mercantilista e unha predación sen taxa nin medida dos xacementos xeolóxicos está a mudar o rostro de Galicia para mal e ao servizo só duns poucos.
Ate o de agora, unidos os intereses dos especuladores cos intereses da administración autonómica e municipal indisolubelmente, lanzouse unha carreira en persecución do lucro inmediato cuxa meta parece ser a destrución dos valores (que o son tamén económicos) da nosa paisaxe e da nosa herdanza natural, así en terra como en mar.
Pensamos que a situación actual esixe un golpe de leme para mudar este rumo que nos conduce á catástrofe no que ao medio ambiente se refire. E esa mudanza, de natureza política, debe ter en conta os intereses da maioría da poboación que desexa un País ordenado, racionalizado e próspero. O tempo da permisividade unida á corrupción nos concellos e na Xunta ten que rematar e todos e todas temos que acelerar ese final.
Pensamos que a actual Xunta de Galicia e os concellos que saian das vindeiras eleccións deberán coordinar os seus esforzos. E non só iso: a lexislación deberá modificarse e os poderes centrais de Galicia están chamados a elaborar un PLAN DIRECTOR DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO, naturalmente discutido e consensuado polas organizacións sociais e núcleos de opinión. Esta participación das multitudes na elaboración de tal Plan Director constituirá a garantía de que sexa plenamente democrático. Ora ben, sen planificación central e democrática da ordenación territorial o caos perpetuaríase.
Desde A Guarda a Ribadeo, desde O Caurel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galicia. Soou a hora de que digamos: ABONDA!
A mobilización do 6 de maio en Compostela ten que significar unha grande xornada de esperanza e unha chamada á Xunta de Galicia e as administracións locais para que exerzan realmente o poder de que dispoñen para frear esta vaga de degradación e dilapidación do noso patrimonio sen se deixar intimidar polas forzas poderosas do diñeiro e da cobiza.
 |
|